Thursday 16 de May de 2024

ARRANCARON AS OBRAS DE DOUS TRAMOS DE SENDA PEONIL A CARÓN DA N-550 QUE PERMITIRÁN UNIR CASTRELOS CO BARREIRO EN LEIRA, POR IMPORTE DE 43.500 EUROS


 

O pasado luns comezaron a executarse as obras que permitirán rematar as beirarúas preexistentes en Castrelos, na parroquia de Leira, ata entroncalas cos aparcamentos do Hotel Barreiro

Dende o Concello de Ordes, por importe de 43.500 euros e con cargo ao remanente de 2018, estanse a executar as obras que permitirán rematar as beirarúas en Castrelos, na parroquia de Leira, ata entroncalas cos aparcamentos do Hotel Barreiro a ambas marxes da N-550. Unha actuación esta, de dous novos tramos de senda peonil, encadeada con outras dúas executadas recentemente con cargo ao plan de obras da Deputación; unha na que se levou a cabo o tramo dende o desvío da Igrexa ata o cruce de Menlle-Pedreira, e outra de fondos propios de creación de senda e muro de contención no acceso a Codeseda.

Descrición das obras a executar.
A nova construción contempla a realización de 216 metros (106 pola marxe dereita e 110 pola marxe esquerda) de senda peonil de 1,80 metros de ancho en formigón coloreado e con bordo prefabricado.
Previa a execución do pavimento canalizaranse as augas pluviais en tubería de PVC de 400 mm de diámetro, e contemplanse realizar 4 pozos de rexistro e 3 arquetas de sumidoiro.

Completa a obra a reposición do pavimento afectado deixando uns sobreanchos con respecto a calzada actualmente existente de 1,50 metros a cada marxe.

Abastecemento na parroquia de Leira.
Actualmente tamén se atopa en execución, avanzando a bo ritmo, a obra que vai permitir dotar de rede de abastecemento pública boa parte da parroquia de Leira dende os depósitos de auga existentes no Mesón do Vento, e que chegarán a totalidade do núcleo de Castrelos, Codeseda, Igrexa, Menlle, Castiñeira, Pedreira, Gouzón e Brumeiral.